GRECIA



A XEOGRAFÍA DA GRECIA ANTIGA
Grecia é un país moi montañoso con estreitos vales e pequenas chairas costeiras onde se concentrou tradicionalmente a poboación. As montañas continentais penetran no mar formando unha costa moi recortada e numerosas illas o que propiciou o aillamento de comunidades dispersas e mal comunicadas por terra que conforman un país de pequenas comarcas, divididas politicamente e fragmentadas en dialectos. Grecia pois viviu cara o mar, do que ningún punto dista de el máis de 90 km, xogou dende sempre un papel de unión (de feito a palabra pontos, ademais de "mar" significa "camiño"). 
O clima no norte é de tipo continental invernos curtos e fríos, pero nas illas é algo máis cálido, sendo os veráns moi calurosos. A chuvia máis ben escasa e lugares como Creta, unha gran illa con clima subtropical. A vexetación é a típica mediterránea bosques de coníferas ( pinos e cipreses), plantas aromáticas e os cultivos de cereais, oliveiras e viñas que ocupan o pouco terreo arable (un 18%). 
Se Ardadia é a terra de arktos, é dicir, "osos", tamén hai lugares onde se crían cabalos, e rabaños de cabuxas e ovellas. Sendo unha incógnita se antigamente existían leóns como nos conta Homero.
Hélade (Hellas) era o nome do país derivado de Helen, padre mítico dos heroes que dan lugar ás distintas estirpes helénicas. O nome de Grecia provén da tribo dos Graii coa que entraron en contacto os pobos de Italia e co que eles coñecerían aos restantes gregos.

Para coñecermos mellor a Antiga Grecia seguiremos o seguinte esquema da súa xeografía: 
        1- A GRECIA CONTINENTAL: 
1.1- A GRECIA SEPTENTRIONAL. 
1.2- A GRECIA CENTRAL. 
1.3- A GRECIA MERIDIONAL OU PENÍNSULA DO PELOPONESO. 
      2- A GRECIA INSULAR: 
2.1- ILLAS XÓNICAS. 
2.2- ILLAS CÍCLADAS E ESPÓRADAS. 
2.3- AS GRANDES ILLAS: EUBEA, CRETA E CHIPRE. 
      3- A GRECIA COLONIAL: 
3.1- ASIA MENOR 
3.2- A MAGNA GRECIA 
3.3- OUTROS LUGARES DE COLONIZACIÓN. 

1. A GRECIA CONTINENTAL: 

1.1- A GRECIA SEPTENTRIONAL: Na zona dos Balcáns, na parte meridional,desta península que é máis oriental do Mediterráneo atopamos a Grecia máis septentrional coa terra de Macedonia rexión do norte que non se incorporará á Grecia antiga ate o século IV a.C. polo que será considerada unha rexión semibárbara, a pesar a terra natal de Alexandre Magno. O Epiro é o límite máis occidental no Norte, mentras Tesalia é a chaira máis fértil bañada polo río Peneo con máis terreo cultivable onde se acha o Monte Olimpo, residencia dos deuses gregos. 

1.2- A GRECIA CENTRAL: Da rexión da Fócide destaca o centro relixioso por excelencia de toda Grecia, Delfos, próximo ao monte das Musas, O Parnaso. Outras rexións son Etolia, Acarnania, Dóride e Lócride, pero sen lugar a dúbidas as máis significativas son Beocia, coñecida pola súa capital Tebas, rica en lendas, e a rexión da Ática, onde está Atenas, a capital actual do estado grego e unha das máis sinaladas cidades da antigüidade clásica. O Pireo é o seu porto e as chairas de Eleusis e Maratón terán certo protagonismo na súa historia. 

1.3- A GRECIA MERIDIONAL OU PENÍNSULA DO PELOPONESO: Entrando polo Istmo de Corinto na península do Peloponeso estamos na comarcas máis montañosas de toda Grecia, especialmenta a xa citada Arcadia. Que ocupa o centro penínsular. No norte occidental están Acaia e Élide, onde está Olimpia, bañada polos ríos Alfeo e Cladeo, a sede dos Xogos Olímpicos da Antigüidade. A Argólide esta na costa oriental con cidades tan importantes para a historia grega como Micenas e Argos, o santuario de Asclepios, deus da mediciña, en Epidauro e o porto de Corinto. Na parte sur a rexión de Mesenia, onde estaba a areosa Pilos, corte do rei homérico Néstor, e a de Laconia que ten por capital á segunda cidade máis relevante da Antiga Grecia, Esparta, bañada polo río Eurotas ao pe do monte Taigeto.


 2.-A GRECIA INSULAR: 

2.1.- ILLAS XÓNICAS: No mar Xónico, que baña a costa máis occidental do Peloponeso e da Grecia continental, sitúanse as illas de Corcira, Leucade, Cefalonia, a pequena e famosa Ítaca, patria de Ulises, e Zacinto. 

2.2- ILLAS CÍCLADAS E ESPÓRADAS: No mar Exeo están as illas de Esciros, a gran Eubea, Salamina, illa coñecida po ser escenario da derrota da armada persa no século V a.C.Exina e o numeroso grupo de illas Cícladas, denominadas así por describir un círculo ( Andros, Ceos, Paros, Naxos, o centro relixioso de Delos, Melos e Tera, centro do maremoto que destruíu a flota cretense. A carón da costa asiática áchase Lesbos, illa natal da poetisa Safo, Quíos, Samos, Cos e Rodas, son as Espóradas, é dicir, "diseminadas". As do sur son tamén coñecidas como Dodecaneso, "as doce illas". 

2.3- AS GRANDES ILLAS: CRETA E CHIPRE: Creta é a maior das illas gregas, equidistante entre Grecia e Exipto, berce da civilización minoica de gran influencia na antigüidade grega. A súa capital é Cnosos e o seu monte máis alto o monte Ida, onde din que naceu Zeus. Case que sempre esquecida a gran illa de Chipre, con ser a máis oriental e lonxana, sitúase fronte as praias Sidón e Tiro da antiga Fenicia, conservou un dialecto aqueo e hoxe aínda fala grego.


 3-A GRECIA COLONIAL: Houbo un primeiro momento na colonización asociado ás civilizacións micénica e logo ás distintas estirpes gregas (eolios, xonios e dorios) dende os comezos do primeiro milenio a. C. en maior parte ocasionados pola aparición dos dorios na Hélade o que provoca unha aventura migratoria ao outro lado do mar Exeo. Máis adiante, debido á superpoboación da Hélade, comeza no século VIII a.C. comeza un período de colonización grega moi intenso por todo o Mediterráneo fundando cidades que eran emporios, centros comerciais asistidos polos propios gregos. 

3.1- ASIA MENOR: Foi colonizada e helenizada moi cedo. Xa os aqueos, os primeiro invasores indoeuropeos da antiga Grecia, principiaron a expansión cara Asia en expedicións de conquista que quizás teñan moito que ver coas épicas aventuras de Xasón e os Argonautas, pero o certo é que fundaron Mileto. Logo serían os Xonios e, finalmente, os dorios quen chegarían a estas terras da actual Turquía para entre outras cousas provocar o nacemento da filosofía e de xéneros literarios como a poesía. As rexións costeiras do norte son Frixia ou Troade, por albergar nela a Troia, a do asedio homérico, Misia, Eolia, Lidia, Xonia, con cidades como a de Mileto, Esmirna e Éfeso de colonos procedentes de Ática e Eubea, Caria ou Dóride onde está Halicarnaso ligada tamén á colosal illa de Rodas, Licia e finalmente Panfilia na costa máis ao sur, case fronte a illa de Chipre, tamén considerada parte de Asia Menor. 

3.2- A MAGNA GRECIA: Como resultado das colonizacións gregas unha parte do sur de Italia e da illa de Sicilia helenizáronse axiña, e foi coñecida como a Magna Grecia ao ser un importante referente cultural da Grecia Antiga. Cidades como Tarento, Cumas ou Neápolis deben engadirse ao xa numeroso elenco de cidades gregas de interese no Mediterráneo, como tamén o é Siracusa en Sicilia. 

3.3- OUTROS LUGARES DE COLONIZACIÓN: Do segundo período de colonizacións nacerán as colonias da Propóntide e do Ponte Euxino que evocan a busca do Vélaro de Ouro. A cidade de Bizancio no Mar Negro foi fundada por gregos. A zona de Macedonia, Tracia e Clacídica e as colonias do Mediterráneo occidental que estaban situadas na illa de Córcega, Massilia ( a actual Marsella) na costa de Francia e no Levante da península Ibérica como Emporion e Rosas en Catalunya e tamén Málaga. No norte de África está Naucratis no delta do Nilo e Cirene en Libia.


 AGORA... A TRABALLAR!!! 

1- Cal é a orixe do nome de Grecia? Pero cal era o nome que lle daban ao seu país os propios gregos? Que sabes da orixe deste outro nome?

 2- En cantas partes podemos dividir a Grecia Antiga?

 3- Indica unha cidade importante para cada unha das partes nas que antes dividiches a Hélade

 4-Cres que é certo que Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa? Razoa a resposta.

 5- Cres que é certo que hai máis de 3000 illas de moi diverso tamaño que pertencen hoxe ao territorio de Grecia? Razoa a resposta.

 6-Utilizando o mapa mudo coloca nel as seguintes cidades e montes da Grecia Antiga: Atenas, Esparta,Troia, Mileto, Micenas, Cnosos, Olimpia, Delfos, Tebas. Monte Olimpo, Monte Ida, Monte Parnaso, Monte Taigeto.

 7- Volvendo a usar o mapa anterior coloca agora os nomes das seguintes rexións, illas e mares (usa neste caso as maiúsculas): ÁTICA, LACONIA, CRETA, MACEDONIA. EUBEA, ILLAS CÍCLADAS, RODAS, ÍTACA,LESBOS. MAR EXEO, MAR XÓNICO.

 8-Agora, tendo en conta que mar en grego é "thalassa", que "oros" é montaña, que "nesos" significa illa e que o río en grego dicíase "potamos", "mesos" significa medio, intenta explicar o significado das seguintes palabras compostas de orixe grega e que están relacionadas coa xeografía grega unha vez que sabes o que significa un dos seus étimos: 
-Polinesia: 
-oroxénese: 
-hipopótamo: 
-Mesopotamia: 
-Melanesia: 
-talasocracia: 
-Micronesia: 
-talasoterapia: 
-orografía: 
-Dodecaneso 
-orónimo:

DE CRETA A MICENAS

QUE É O INDOEUROPEO? 

Dende a India a Fisterra encontramos basicamente unha mesmas palabras para denominar o lobo, a raposa, o oso, o cervo e o porco ( polo tanto o mundo da caza); unhas mesmas palabras para denominar o boi, a ovella, a cabra, o leite, se a caso os ovos ( é dicir, a gandeiría); unhas mesmas palabras para denominar o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo e a fariña( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre( metarlurxia), co cabalo e co can( animais domésticos), co arco e coa machada ( armas), co salmón e co barco, pero non co mar ( navegación fluvial). pero, en cambio, non hai parecido ningún entrea as respectivas maneiras de nomear o mar, o león, o tigre e o camelo:

Como explicar tantas coincidencias?
Todos estes pobos que habitan tan amplo territorio teñen linguas que proceden dun único pobo prehistórico: o indoeuropeo
No mundo hai polo tanto cinco grandes grupos de linguas: o indoeuropeo, as africanas, as amerindias, as camito-semitas (árabe e hebreo) e as sino-austrinas(chinés e xaponés)

Os Aqueos eran unha desas tribos indoeuropeas que penetran polo norte da península do Peloponeso ocupándoa case por enteiro. Aqueos son os que denominamos tamén micénicos pois Micenas era a cidade máis importante ou capital detes novos poboadores da Grecia continental que falaban xa grego e que van pasar inicialmente por un período de adaptación e encontro coa civilización cretense ou minoica, para ser pouco máis tarde os que pasen a conquistar Creta e rematar coa cultura mediterránea. A civilización micénica nacemento e evolución está moi ben resumida no presente vídeo:



E logo a segunda parte:


- Quen son os minoicos e os micénicos ou aqueos?
-Minoicos:habitantes de Creta.  O período CRETENSE tamén chamado Minoico, polo coñecido personaxe da mitoloxía, o rei Minos e o terrible Minotauro.


-Micenicos ou Aqueos:habitantes gregos (do Peloponeso) procedentes das primeiras invasións indoeuropeas na zona.



Creta era unha talasocracia. Que significa?


-Talasocracia:do grego "thalassa", mar, e "kratos", goberno, denota o estado cuxos dominios son principalmente marítimos. Creta tiña unha poderosa flota que comerciaba cos pobos do Mediterráneo (Grecia peninsular, Exipto e Chipre, posiblemente Minos foi dono de illas próximas como as Cícladas.

- Eran os cretenses grandes guerreiros?
-Non, porque eran comerciantes, non tiñan os seus magníficos palacios amurallados, nin se conservan restos de armamento en Creta.

- Diferenzas entre "lineal A " e "lineal B". Está algún destes descifrados?
-Lineal A : o que escribían os Minoicos.
Lineal B : o que escribían os Micénicos ou Aqueos, escrita copiada dos Cretenses, pero adaptándoo a súa lingua. 
- O lineal B está descifrado, é grego silábico antigo.


- Como foi destruída acivilización minoica de Creta?
-Primeiro por un maremoto acabou con case toda a súa flota atracada na súa capital, Cnosos, e os aqueos aproveitando esa debilidade aproveitaron e tomaron pola forza a illa.


CULTURA MINOICA 




Velaí estes vídeos sobre a Grecia Clásica pertencentes á serie Exploradores de la Historia, unha colección de documentais educativos da Revista Genios sobre a historia das civilizacións máis importantes da humanidade.



No hay comentarios:

Publicar un comentario