TAREFA
A actividade será unha viaxe virtual á civilización romana que quedará resumida nunha presentación tipo "PowerPoint" ou "Prezzi".
A través da actividade que elixas deberás explicar ao resto da clase a historia de Roma, a súa organización política e social, os trazos básicos da agricultura e do sistema de escravitude da antigüidade clásica, co fin de coñecer e valorar a influencia da presenza dos romanos na nosa historia e descubrindo o patrimonio artístico e cultural que nos legaron.
Este traballo debédelo facer en pequeno grupo, entre dúas persoas.
Para conseguilo, deberás informarte sobre a historia, a cultura, a política, a arquitectura, a agricultura, etc. de hai uns dous mil anos.
Cada parella deberá tratar os seguintes aspectos da historia de Roma:
1. As etapas da civilización romana:
- Monarquía (753 -509 aC)
- República (509 -27 aC)
- Imperio (27 aC -476 dC)
2. A xente e o traballo na época romana: o campo, os escravos, o exército.
3. O cristianismo.
COMEZAMOS A VIAXE.....!!!!!
I. Etapas da civilización romana
A forma de goberno que tiveron os romanos en cada época fixo que a súa civilización se divida en tres grandes etapas:
1.- A MONARQUÍA (753-509 aC)
2.- A REPÚBLICA (509-27 aC)
3.- O IMPERIO (27 aC-476 dC)
Debes investigar sobre estas tres épocas os seguintes aspectos:
-Segundo Tito Livio (historiador romano) cal é a orixe do nome de Roma?
http://webs.sinectis.com.ar/mcagliani/origenroma.htm
- Por que e como se pasa da Monarquía á República? (Tito Livio tamén pode axudarche nisto)
- Fai un esquema ou mapa conceptual que explique a organización política da República romana.
- De onde proceden as palabras "censor", "cónsul" e "edil"? Que significado teñen hoxe en día?
- Explica a orixe da palabra "república".
- Comenta dúas diferenzas entre a República e o Imperio.
- Quen foi o fundador do imperio romano? Explica os feitos máis relevantes da súa biografía.
- A que época se lle coñece co nome de "pax romana"?
- Representa nunha liña de tempo os acontecementos máis relevantes das tres épocas da historia de Roma.
II. A xente e o traballo
Debes investigar estes tres aspectos:
1.- A agricultura e a gandaría
- Busca imaxes que representen actividades do traballo no campo dos romanos. Indica a súa procedencia.
- A ver se encontras os tres consellos que dá Virxilio aos agricultores. Encontraralos na súa obra "Las Geórgicas" Libro II.
2.- A man de obra escrava: a escravitude
- De onde adoitaban obterse os escravos e as escravas no antigo imperio romano?
- Que tipo de traballos realizaban os escravos?
- Todos os escravos eran tratados igual?
- Catón escribiu tamén sobre agricultura. Podes citar algunha das súas obras?
3.- O outro tipo de traballo: o exército
- Por que o exercito romano non admitía aos escravos?
- Que era unha lexión? e un manípulo? e unha centuria?
- Podes explicar as diferenzas entre un gladiador e un lexionario?
III. O Cristianismo
Durante o reinado do primeiro emperador romano, Octavio Augusto, nace en Belén (Palestina) Xesús de Nazaret, o fundador da relixión cristiá e esta nova relixión vai supoñer un cambio importante na civilización occidental a partir de entón.
1. Investiga como o cristianismo se vai introducindo no mundo romano e cal foi a súa evolución:
- Intenta descubrir como nace o que hoxe coñecemos co nome de Igrexa (como comunidade de crentes, non como o edificio que a alberga)
- Compara os principios do cristianismo cos da relixión romana.
- Que cambios importantes acontece a partir do século IV co cristianismo e especialmente no referente á súa organización.
2. Plinio el Joven, escritor e político romano, escribiu, entre outras obras, as famosas "Cartas a Trajano" sobre a política necesaria cos cristiáns. Busca un texto que describa algunhas das actividades que explica que facían os cristiáns.
3. Que eran as catacumbas?
No hay comentarios:
Publicar un comentario